Ponte Sampaio repartirá 800 quilos de anguía na festa da primeira fin de semana de xullo
Por Redacción
A Festa da Anguía de Ponte Sampaio aumenta o número de participantes cada ano e, por ese motivo, na XIX edición repartiranse 800 quilos de anguía durante os dous días que dura este evento gastronómico.
O sábado 5 iniciaranse as actividades coa inauguración da exposición dos traballos de redacción e debuxo, realizados polos alumnos do colexio A Xunqueira de Ponte Sampaio. Haberá actuacións dos grupos de baile da asociación cultural Beira do Río que servirá como arranque a degustación de anguía no recinto da Xunqueira que comezará ás 21.00 horas.
O domingo, a actividade retomarase ás 10.00 horas coa posibilidade de probar porcións a tres euros ou cazolas a seis euros, con distintas alternativas de preparación da anguía. Haberá a posibilidade de degustala fritida, guisada, en empanada ou en escabeche.
Ás 13.00 horas realizarase unha homenaxe aos mariñeiros xubilados e a imposición do distintivo da anguía de ouro á Asociación pola Defensa da Ría de Vigo "Cíes" por, segundo anunciaron dende a organización, o traballo que están a realizar en contra das verteduras e recheos que se realizan no ámbito da zona de marisqueo.
O acceso á entrada ao recinto da Xunqueira será de dirección única. Os veciños reclaman que esta reordenación do tráfico na zona se manteña durante o resto do ano.