"A solución non pasa por abrir comedores escolares senón por atender aos nenos nas súas familias"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, avogou por dar unha solución "integral" aos problemas de desnutrición infantil que poidan orixinarse polo peche dos comedores escolares en verán. "Coma moi tarde", a próxima semana haberá unha proposta da Xunta, dixo a conselleira Beatriz Mato, que este xoves acudiu a Pontevedra para inaugurar o XXVI Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría.
"O que teño claro é unha cousa: coincido plenamente coas informacións que xa manifestaron en privado, e tamén publicamente, as distintas entidades como Cáritas ou como os traballadores sociais, onde din que a solución non pasa por abrir comedores escolares senón por atender aos nenos nas súas familias", dixo a conselleira.
A titular de Traballo e Benestar instou a "non xerar máis alarma"
"Hai que ter en conta que estamos falando de nenos", dixo Mato, que sinalou que "a maiores do que pode ser a obriga de achegarlles recursos para que teñan unha vida fácil, o que tamén debemos é protexer ao menor". E recordou a responsabilidade da consellería na protección do menor, no relacionado coas tutelas ou con nenos en situación de exclusión por ter unha familia desestruturada ou por outros problemas.
Beatriz Mato insistiu en que "o máis importante é protexer aos nenos. E tampouco creo que sexa bo facer mini cociñas económicas para nenos pobres. ÿ dicir, nós apostamos claramente, e esa é a decisión que temos tomado, por utilizar as ferramentas que xa están en vigor dentro da nosa consellería para darlle máis si cabe agora, e priorizar ás familias que teñen nenos a través de axudas económicas, ou de alimentación directamente".
"Tampouco creo que sexa bo facer mini cociñas económicas para nenos pobres"
A conselleira de Benestar insistiu en que "aínda nos quedan conversas pendentes" entre elas as ANPAS, "que dixeron que había nenos que pasaba fame. E pedín información de onde están eses nenos, cales son eses colexios, e que identifiquen o número de persoas. Para se isto é efectivamente así, acudir directamente ao seu auxilio e sobre todo ao auxilio das familias. Non se trata tan só de arreglar o problema individual, senón de toda a familia".
Beatriz Mato lamentou "que se cre unha alarma innecesaria, e sobre todo que se colla como bandeira, trasladando unha imaxe que Galicia non ten. Galicia, e aínda que sexa falar de números, está tres puntos por debaixo da taxa de risco de pobreza do resto de España. A min non me preocupa o número, non me preocupa dicir que temos un 17 por cento de pobreza, senón que me preocupa cada unha das familias que o están a pasar mal".