Imputan un ex director do CEIP Príncipe Felipe por torturas a un menor
Por Redacción
Segundo publica Alfredo López Penide, na La Voz de Galicia, un ex director do CEIP Príncipe Felipe foi imputado xunto á que fora xefe de estudos no colexio ao consideralos presuntos autores dun delito de torturas a un menor de 9 anos.
Segundo expón o auto, o neno chegou en febreiro de 2011 xunto cos seus irmáns á Cidade Infantil Príncipe Felipe e presumiblemente protagonizou varios incidentes. Esas actuacións obrigaron ao daquela director do centro educativo a actuar e decidiu encerralo nun despacho. O mozo reaccionou violentamente e, segundo o escrito xudicial, o director decidiu atar con bridas as mans e os nocellos do neno e abandonouno no despacho. Unha docente solicitara axuda da que, entón, era xefa de estudos quen se negou a prestarlla para retirar as ataduras do menor.
Segundo recolle La Voz de Galicia, un mes máis tarde o imputado presumiblemente "obrigou ao menor a sacar a roupa de cintura para abaixo nese mesmo despacho de forma que se lle podía ver dende fóra por calquera persoa que pasase polo lugar".
Á ex xefa de estudos acúsaselle de ter apoiado as medidas adoptadas e a negarse a poñer fin a esta situación contra o menor.
Segundo o xuíz instrutor estas medidas "supoñen unha afección innecesaria á súa dignidade, que tiña por única finalidade impor un castigo desproporcionado e contraproducente" e provocou "un estado de indefensión que non é tolerable".