Sindicatos a dieta
Por Natalia Puga
Varias decenas de sindicalistas de CC OO e CIG secundarán ata o próximo 14 de decembro unha folga de fame. Non estarán sen comer durante tres semanas, senón que farán xaxún diferentes persoas por quendas de 48 horas.
A protesta ten como obxectivo mostrar a súa solidariedade con tres sindicalistas condenados a tres anos e un día de prisión por coaccións pola súa participación nun piquete nun supermercado de Pontevedra durante a folga da alimentación do ano 2009.
A sentenza está a ser revisada pola Audiencia Provincial de Pontevedra, de aí que se elixise como lugar simbólico para a protesta a explanada situada ante o edificio xudicial da rúa Rosalía de Castro, onde instalaron unha carpa e unha caravana. As datas tampouco son casuais, senón que pretenderon que coincida coas datas nas que prevén que se dite a nova sentenza.
Os condenados son Carlos Alján e Marcos Cadórniga, de CIG, e a Carlos Búa, de CC OO. O xaxún iniciárono este venres un deles (Cadórniga) e o secretario xeral de CIG-Galicia, Xurxo Seixo. En 48 chegaralles o relevo e a partir do luns sumarase ás quendas CCOO, de modo que serán tres os sindicalistas que se vaian relevando cada dous días.
Ademais, o luns estudará unirse UGT. Ata o momento, xa manifestaron o seu respaldo e o secretario comarcal do sindicato, Ramón Vidal, compareceu en compañia dos represenantes dos sindicatos que xa están en protesta porque "do que se está a falar é dun dereito, dun valor, de algo que nos está a intentar retirar" e "hai unha xustiza para traballadores e outra para empresarios".
Xurxo Seixo acusa a sentenza de "tremendamente inxusta e moi ideolóxica" que, na súa opinión, "foi redactada xa antes do xuizo" co "carácter político e ideolóxico de dar un escarmento". Enmárcaa nun "proceso de criminalización do que é o movimento obreiro".
Atribúe a condena a os tres sindicales á "política do PP de utilizar a xuices e fiscais afíns para reprimir" e engade que durante o tempo que dure a protesta desenvolveranse diversas actividades complementarias. Unha manifestación será o colofón o día 15 de decembro.
O secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, insiste na importancia desta protesta porque "non podemos permitir que entren en prisión" por unha sentenza que "desprestixia a xustiza" e para pedir que "na sentenza da Audiencia ten que repararse a desfeita do xulgado, que en absoluto é axustada a dereito".
Relacionadas:
-
Luis Tosar reivindica a actualidade de 'Los lunes al sol' coa condena aos sindicalistas de Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
"Esta noite centolas!"
Por Oskar Viéitez |
-
Un milleiro de sinaturas de apoio aos sindicalistas condenados por participar nun piquete
Por Redacción |
-
Guillerme Vázquez: "isto non se parece á democracia pola que eu loitei"
Por Oskar Viéitez |
-
Rafael Iglesias: "Sentímonos totalmente respaldados e co apoio da cidadanía"
Por Diego Espiño |
-
Fiscalía insiste en encarcerar a tres sindicalistas por participar nun piquete
Por Oskar Viéitez |
-
Revisan a condena de cárcere a tres sindicalistas pola folga de alimentación de 2009
Por Natalia Puga |