Os estudantes de Dirección e Xestión Pública terán a posibilidade de formarse a través de Internet
Por Oskar Viéitez
O grao en Dirección e Xestión Pública, titulación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra ampla ás súas posibilidades formativas, e contará a partir do próximo curso cunha modalidade semipresencial, que permitirá recibir por Internet a mesma formación que se proporciona nas aulas.
Con esta medida, os responsables desta titulación buscan "ampliar o rango de posibles alumnos a todo o territorio da autonomía e mesmo de fóra de Galicia", como sostén o coordinador do grao, Enrique Varela, que este xoves compareceu xunto ao decano en funcións de Ciencias Sociais e da Comunicación, Celso Cancela, para presentar o que definiron como "unha nova oportunidade formativa".
A iniciativa xorde a raíz das solicitudes que lles fixeron chegar "potenciais alumnos, que non podían cursar este grao principalmente por motivos laborais".
Trátase dunha "modalidade única no campus de Pontevedra", como destacou Cancela, que implicará "as mesmas garantías académicas e xurídicas de avaliación de competencias" que o grao actual.
Serán os mesmos contidos, os mesmos profesores, o mesmo desenvolvemento de competencias
Serán os mesmos contidos, os mesmos profesores, o mesmo desenvolvemento de competencias, os únicos que varía son as probas de seguimento e avaliación. ÿ un xeito alternativo de que o alumno se someta ás diferentes probas que se realizan nesta titulación ao longo do cuadrimestre para medir o grao de adquisición de competencias. Farase a través dunha plataforma virtual en Internet, que se complementará coa utilización de foros e videoconferencias, ás que se suma tamén a posibilidade de acudir a determinadas sesións na facultade, programadas especificamente para os matriculados nesta modalidade.
O profesorado parte da experiencia adquirida co máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional, que conta con alumnado de varios países de América Latina e de diferentes partes de España. Por iso, o feito de que a titulación que se imparte no campus sexa o único grao en Dirección e Xestión Pública de España e a "vantaxe competitiva que supón que Galicia conte coas taxas universitarias máis baixas", fan prever os seus responsables que esta nova alternativa podería atraer estudantes de calquera parte do Estado.
Relacionadas:
-
Os graduados en Dirección e Xestión Pública poderán converterse en xestores administrativos
Por Redacción |
-
Dirección e Xestión Pública do campus pontevedrés, o grao mellor avaliado da Universidade de Vigo
Por Redacción |
-
Emma Torres encabeza a única candidatura ao decanato de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |