Traballadores de Ence inician unha folga dunha semana ante a falta de acordo na negociación do convenio
Por Anxo Lourido & Diego Torrado
Os máis de 300 traballadores da fábrica de Ence en Lourizán iniciaron ás 6.00 horas desta mañá unha folga cunha duración dunha semana despois de que, durante a xornada deste venres 27, non se alcanzase un acordo coa dirección da empresa na negociación do novo convenio colectivo.
As conversacións entre a parte social e a dirección rompéranse o xoves en Madrid cando se intentaba negociar un convenio para os tres próximos anos. Durante as últimas 24 horas retomouse telefonicamente a negociación que se prolongou ata pasada a media noite sen que se chegase a un acordo que anulara a convocatoria da folga.
O presidente do comité de empresa de Ence, Pedro Soto, indicaba que a pesar dos achegamentos, a empresa mantén unha redución dos dereitos laborais adquiridos polo equipo que os representantes dos traballadores rexeitan. A empresa, segundo fontes sindicais, propón a conxelación salarial, un aumento de 44 horas anuais do horario laboral e a redución da xornada intensiva durante o verán cando traballan só en quenda de mañá, entre outras medidas.
Ante o inicio da folga que, segundo Pedro Soto, está a ser seguida de forma maioritaria polo persoal, a empresa ofreceu unha nova proposta para retomar as negociacións e, durante a tarde deste sábado, volverán manter contacto telefónico para intentar alcanzar un acordo que suspendería o paro previsto ata o próximo sábado.
Os traballadores concentráronse este mediodía ante a fábrica para mostrar o seu desacordo coas pretensións empresariais na negociación do convenio.