A Asociación Os Galos de Bueu publica a oitava entrega da súa revista
Por Diego Torrado
A asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos naceu en Bueu hai catorce anos e, dende entón, vén desenvolvendo un labor de difusión do patrimonio e cultural sempre en relación coa actividade marítima. Unha das súas principais actividades é a publicación da revista Os Galos que chega xa ao número oito e que este sábado foi presentada no Museo Massó de Bueu ante a presenza da deputada provincial Begoña Estévez, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, membros do colectivo e colaboradores da publicación.
Este número conta con corenta páxinas e imprimiuse nos talleres da Deputación de Pontevedra e entre o seu contido encóntrase unha información sobre a extracción da ostra na zona de Bueu, ademais de textos relacionados coas posibilidades que ofrece Ons dende unha perspectiva mariñeira ou un recordo sobre a actividade mariñeira durante os anos 50.
Con esta publicación, a asociación pretende revalorizar a cultura marítima tradicional ao entender que, nos últimos anos, se desenvolveu unha proceso de destrución das tradicións mariñeiras. Este colectivo conta con preto de 200 asociados.