A batalla de flores de Marín será nocturna este ano
Por Redacción
Un dos eventos máis tradicionais das festas de Marín en honor á Virxe do Carme é a batalla de flores que percorre as rúas do municipio. Pero nesta ocasión presenta unha novidade importante. Será nocturna para que a iluminación prevista nas oito carrozas que participarán luza o mellor posible. A saída terá lugar ás 21.30 horas dende o interior do porto, o próximo luns 14 de xullo.
O percorrido da batalla de Flores será, iso si, o habitual pola avenida de Ourense, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Areal e rematando na rúa Landín Pazos.
Serán en total oito carrozas, todas elas de temática musical, montadas sobre unha plataforma que ten unhas medidas 7,5 metros de longo por 2,5 de ancho. O chan está fabricado en fibra hidrófoba de 20 milímetros de espesor e enmoquetada cada un nunha cor diferente.
Os laterais da plataforma estarán cubertos con fibra de 16 milímetros de espesor, cunha altura de 60 centímetros e forrados en acetato holográfico con molduras sobrepostas facendo arcadas en relevo e fabricadas en EPS (poliestireno expandido). Deste xeito, serán ríxidos e evitarán que ninguén poida ter acceso á parte baixa da plataforma.
Os conxuntos decorativos estarán iluminados mediante cordón luminoso "flexi-lien led" cor branca. A peza central terá unhas dimensións de 3,3 metros de altura, 1,5 de ancho e 6 de longo. En todos eles se utilizarán lámpadas LED. De aí a importancia de que a saída se atrasase ata a posta de sol.
A inscrición para participar na Batalla de Flores comezará este martes 1 de xullo e como novidade este ano tamén se admitirán inscricións a través do correo electrónico adjuntoalcaldia@concellodemarin.es.
A temática deste ano é a música. Os menores poderán acudir vestidos de músicos con pantalón escuro, camisa branca e lazo; ou de festa, con traxes brillantes, de cores rechamantes e bailarinas. Tamén se admitirán disfraces alternativos de instrumentos ou notas musicais. O Concello solicita ademais voluntarios para acompañar os nenos nas carrozas, adultos que tamén deberán acudir disfrazados.