Preocupación veciñal en Pontesampaio polos cambios de tráfico
Por Redacción
A xunta directiva da asociación de veciños Heroes de Pontesampaio emitiu un comunicado no que manifesta a súa "preocupación" ante o anuncio do concelleiro Demetrio Gómez, confirmando que o circuíto de sentido único no ámbito da praia de Pontesampaio será permanente.
Esta asociación veciñal considera que unha vez rematado o mes de agosto non ten sentido manter o cambio de tráfico, "porque prexudicaría moito aos veciños da zona, e aos pais dos nenos que utilizan este vial para levalos ao colexio".
Este colectivo quere que o Concello teña en conta os veciños da zona, e "que a dirección prohibida non afecte aos residentes", de maneira que estes poidan circular nos dous sentidos, "xa que non é lóxico que uns veciños que a saída dos seus vehículos está a escasos metros de onde se implanta o sentido único teñan que rodear case un quilómetro para chegar ao mesmo punto".
Propoñen que na saída na estrada de Acevedo se coloque un espello convexo e bandas redutoras de velocidade, limite da 30 quilómetros por hora, "dado que a saída é moi perigosa, enriba dunha curva sen visibilidade e a saída nunha pendente moi pronunciada", polo que sinalan que "non sería de estrañar que a partir de agora se produzan accidentes nesa zona".
Héroes lamenta que "unha ocorrencia dunha persoa, a título persoal nalgún medio de comunicación, fose tomada como súa polo goberno local, o que causará graves prexuízos aos veciños desta zona".
Dende a asociación anuncian que se na primeira semana de setembro non se retoma o tráfico como está agora, convocan unha reunión cos colectivos da parroquia, na que se inclúen a ANPA, Unión Sampaio, escola de fútbol e club de piragüismo, entre outros colectivos.