Pedirán máis protección para o ENIL da Xunqueira de Alba na remodelación do acceso á AP-9
Por Alejandro Espiño
Respectar os actuais paseos peonís e que se teña máis en conta o ámbito do ENIL da Xunqueira de Alba. Son, en liñas xerais, as principais observacións que o Concello de Pontevedra realiza nas súas alegacións ao estudo presentado polo Ministerio de Fomento para reordenar o denominado Nó de Bombeiros e o acceso norte da autoestrada AP-9. Acordárono por unanimidade os membros da comisión de Infraestructuras.
Segundo avanzou o concelleiro César Mosquera, a conclusión á que chegaron BNG, PSdeG-PSOE e PP, é que este proxecto é "mellor do que hai", sen ser a "gran solución" que necesitaría toda esta zona. O goberno municipal prefería trasladar o nó máis cara ao norte, unha opción descartada por Fomento porque implicaría un cambio na actual concesión de Audasa e cambiar tamén de sitio a actual peaxe de Alba.
Tras estudar os informes achegados polo enxeñeiro de camiños, a arquitecta e dunha técnica de medio, consensuouse realizar unha serie de modificacións no proxecto. Especial relevancia ten que, á vista do impacto ambiental que advirten os devanditos técnicos municipais, se solicite a Fomento que se faga un "tratamento axeitado" do espazo natural da Xunqueira de Alba.
Neste sentido, o Concello de Pontevedra pide que se realice un estudo sobre a correcta conexión do ENIL co espazo urbano, deixando en perfecto estado os camiños de entrada para o tránsito peonil e mantendo os itinerarios existentes cara ao seu interior e cara á Ponte das Correntes. Instan a evitar o paso a través de túneles que poidan resultar angostos, garantindo a conectividade e salvando o posible illamento desta zona.
Ademais, solicitan que se absteñan de construír noiros de elevada pendente que poidan provocar problemas de erosión ou para a revexetación, que se instalen pantallas acústicas e vexetais e que prevexa a rexeneración de todo este espazo tras as obras coa aplicación de medidas para mellorar o chan, a achega de terra vexetal ou a reconstrución do parque canino existente na zona.
Con respecto á mobilidade peonil e ciclista de todo este ámbito, o goberno municipal solicita que se elabore un estudo específico que, aproveitando a remodelación prevista, propoña unha axeitada solución a ambos os dous tránsitos; e que o novo ramal que unirá a glorieta da Ponte das Correntes coa AP-9 non interfira co paseo peonil existente pola ribeira da marxe dereito do río Rons, que desemboca no Lérez dentro do ENIL.