Nin a chuvia impedíu a Cañita Brava inaugurar o Entroido de Verán co seu peculiar estilo
- "¡Que bote, Cañita! ¡Que bote, Cañita!"
Foi o grito co que os pontevedreses recibiron ao popular personaxe televisivo, o encargado de dar o pregón da segunda edición do Entroido de Verán, un evento organizado por un grupo de hostaleiros da cidade. Cañita Brava, acompañado de Ravachol e de Furcinho, a mascota deste entroido, desafiou á intensa choiva para poder dar comezo a esta festa, que este ano pretendía homenaxear ao histórico Baile do Pino.
Tras destacar que Pontevedra é unha cidade "estupenda", o showman coruñés pediu ao centenar de persoas que asistiron á súa pregón na Praza da Verdura que se animasen a celebrar esta festa, deixando ao carón a crise e contaxiándose de "felicidad y alegría".
Cañita Brava, que durante os máis de dez minutos que durou o seu pregón interpretou varias cancións do seu particular repertorio, aproveitou tamén a ocasión para promocionar a próxima estrea de Torrente 5, a nova película de Santiago Segura, onde volverá participar. "Soy uno de los cuatro protagonistas", explicou a un público que, en varias ocasións, gritoulle a súa coñecida frase nos filmes da saga: "me debes 6.000 pesetas de whisky".
As actividades do Entroido de Verán empezaron xa pola tarde cun obradoiro de máscaras e maquillaxe para nenos e o grupo '105 besos Teatro' que puxo en marcha actividades de xogo e animación para todas as idades. Antes do pregón, o xa consolidado Tabernódromo quentou o ambiente antes do inicio dunha festa que tivo o seu broche de ouro nun percorrido polo casco histórico a cargo de varias comparsas.
A festa nos locais de lecer do centro histórico durou ata altas horas da madrugada.