Ponte Sampaio rende homenaxe á súa xoia gastronómica coa XIX edición da Festa da Anguía
Por Diego Torrado
A anguía volveu ser a protagonista nun dos eventos máis populares do calendario gastronómico pontevedrés. Centos de persoas achegáronse durante toda a fin de semana ás inmediacións da Xunqueira de Ponte Sampaio para poder degustar os máis de 800 quilos deste peixe que se serviron durante dous días na XIX edición da Festa da Anguía.
Mantivéronse os prezos populares de pasadas edicións e así, por tres euros a ración ou seis euros a cazola, os asistentes puideron probar a anguía preparada de varias formas, pero todas elas igual de saborosas: frita, guisada, en empanada ou en escabeche.
Ademais da tradicional degustación, que se realizou na carpa instalada na Xunqueira, a Festa da Anguía incluíu unha serie de actividades paralelas, entre elas a exposición dos traballos de redacción e debuxo realizados polos alumnos do colexio da parroquia ou as actuacións dos grupos de baile da asociación cultural Beira do Río.
Ademais, os organizadores da Festa da Anguía quixeron homenaxear este ano coa imposición do distintivo da anguía de ouro á Asociación pola Defensa da Ría de Vigo, polo seu traballo contra as verteduras e recheos que se realizan na contorna da zona de marisqueo.
Relacionadas:
-
O ámbito da Xunqueira de Ponte Sampaio, obxecto dunha amplia reordenación do tráfico rodado
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Sampaio repartirá 800 quilos de anguía na festa da primeira fin de semana de xullo
Por Redacción |
-
Portugal compra máis do 80% da anguía que capturan os naseiros de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez |