A reforma integral de Víctor Cervera Mercadillo e Gerardo Álvarez Limeses estará acabada antes de fin de ano
Por Redacción
Despois de décadas de abandono as rúas de Gerardo Álvarez Limeses e Víctor Cervera Mercadillo recibirán un investimento municipal de 361.000 euros que cambiarán completamente o seu aspecto en superficie e modernizarán todas as canalizacións baixo o asfalto.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, impulsa estas dúas actuacións urbanas co convencemento de que se cumprirá o compromiso de rematar as obras antes do 31 de decembro próximo.
Os detalles da reforma foron avanzados polo concelleiro aos veciños nunha reunión celebrada no local da fundación Cuña Casasbellas, sita, precisamente, neste mesmo ámbito pertencente ao barrio de San Antoniño, unha das zonas con maior densidade de poboación do centro urbano de Pontevedra.
Nestes momentos os expedientes están moi avanzados e xa comezou a licitación pública entre as empresas construtoras.
O presuposto da rúa de Víctor Cervera Mercadillo será duns 134.000 euros e prazo inicialmente previsto rolda os 4 meses. No caso de Gerardo Álvarez Limeses, o prezo de saída será de 227.000 euros e o prazo, ao tratarse dunha maior superficie, sobe ata aos 5 meses.
Os principios que inspiran as dúas actuacións son idénticos: ampliación das beirarrúas e mantemento da circulación rodada nas mesmas condicións que ata agora. Dúas obras da máxima calidade nunha zona con alta densidade de poboación e cuns pavimentos e servizos moi deficientes.
O tenente de alcalde e voceiro do grupo municipal socialista destaca que nalgúns puntos hai beirarrúas inferiores a 80 centímetros de sección e cun firme moi irregular no que apenas poden coincidir dúas persoas transitando pola mesma beirarrúa.
Louro puntualizou que se mantén a capacidade de estacionamento na rúa de Álvarez Limeses, onde a maior anchura permite crear dúas bolsas con capacidade para 24 vehículos.
Non obstante a maior transformación escóndese baixo a superficie.
Unha das deficiencias máis significadas na zona é que as redes de auga, pluviais e saneamento, están obsoletas polo que deberán ser completamente renovadas.
Respecto á iluminación, aproveitaranse as lámpadas led recentemente instaladas, pero ao deseñarse novas beirarrúas con anchos de 2,5 metros, serán recolocadas sobre báculos ao bordo da calzada.
Relacionadas:
-
As obras no barrio de San Antoniño ampliaranse a Gonzalo Gallas e Javier Puig
Por Alejandro Espiño |
-
Cortan ao tráfico as rúas Álvarez Limeses e Víctor Cervera Mercadillo para iniciar a súa rehabilitación
Por Redacción |
-
Oresa, Covsa e EC Casas, adxudicatarias das novas reformas urbanas
Por Oskar Viéitez |