Festa nas dúas beiras do Lérez para honrar ao santo máis 'milagreiro'
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Nunha banda do río Lérez, unha romaria popular. Xusto enfronte, unha celebración relixiosa. Son as dúas caras dunha mesma xornada de celebración e día non laborable en Pontevedra: San Benitiño de Lérez. Este ano, coa axuda do bo tempo, repetiu éxito e aglomeracións por parte de centos de pontevedreses e foráneos que quixeron participar na parte relixiosa ou pagana do santo máis 'milagreiro'.
Os vínculos entre a mexilloada popular que se organiza cada ano no entorno dos salóns do Lérez e a praia fluvial e os actos litúrxicos celebrados no mosteiro do Divino Pastor recobraron este ano a forza que tiñan no pasado, ao recuperarse a vella tradición de paseos en barca que unen as dúas beiras do río. Tiveran que suspenderse nos últimos anos por mor das obras do AVE, pero este 2014 retomáronse.
A romaría, declarada festa de interese turístico de Galicia, desenvolveuse cunha notable afluencia de público, con moitos cidadáns que acudiron tanto á degustación gratuíta de empanada e mexillóns ao vapor ofrecida polo Concello (e á que acudiron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva) como aos actos litúrxicos no mosteiro.
Houbo misas dende as 7.00 horas e durante toda a mañá cunha diferencia de 45 minutos ata a eucaristía solemne das 13.00 horas, logo da cal se celebrou a procesión na que San Benitiño rodeou o recinto do mosteiro cargado polos devotos. Pola tarde, repetíronse coa mesma periodicidade entre as 17.00 e as 20.45 horas. Ao longo de todo o día, repetíronse as colas para facerse cun pouco de aceite bendito para curar verrugas ou outras afeccións da pel.
Na súa vertente pagana, a festa comezou ás 10.30 horas cun percorrido do grupo Os Alegres entre o Concello e os salóns do Lérez. A partir das 11.30 horas, empezou a romaxe popular na praia fluvial do Lérez, na que, estivo incluida unha actuación dos Gaiteiros das Rías Baixas, a mexilloada popular e, xa pola tarde, actuación dos grupos Pousos da Area e Aturuxo Pequeno. A noite chegou cunha verbena no adro do mosteiro a cargo da orquestra Salsa Costa.
Relacionadas:
-
Policías de uniforme e de paisano reforzarán a seguridade na romaría e as misas de San Benitiño
Por Natalia Puga |
-
Menos usuarios polo mal tempo e máis picaduras de avespas, balance estival na praia fluvial
Por Redacción |
-
Se vas a San Benitiño, coidado cos carteiristas
Por Redacción |
-
Chegan as Festas do Verán: máis de 200 actividades lúdicas e culturais do 5 de xullo ao 6 de setembro
Por Alejandro Espiño |