O PSOE acusa á Xunta de "desamparar" os traballadores de Tafisa
Por Redacción
A situación dos traballadores de Tafisa en Ponte Caldelas logo do anuncio do peche chegou este venres ao Parlamento de Galicia. O grupo 'popular' rexeitou unha proposición non de Lei presentada polo PSdeG-PSOE para negociar o mantemento da actividade indsutrial da madeireira en Ponte Caldelas. En reacción, o portavoz de Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, acusou á Xunta e o PP de desamparar aos traballadores desta filial do Grupo Sonae diante do peche anunciado pola matriz.
Losada denunciou o desleixo do goberno galego diante dun caso claro de enxeñería contable para cargarlle á empresa galega gastos que en realidade corresponden a todo o grupo. Criticou a "incompetencia" do goberno galego para defender aos traballadores da empresa mentres en 2013 deixaban sen executar un total de 80 millóns de euros de orzamento correspondentes ao Igape precisamente para axudas ás empresas.
Segundo deu a coñecer o PSdeG nun comunicado, o responsable socialista considera inexplicable que a Xunta non lle pida explicacións a Sonae cando abocan ao peche precisamente á factoría que é menos rendible cando ten a materia prima mais próxima e man de obra cualificada a menor custe.
Na proposición non de Lei presentada e rexeitada os socialistas reclamaban un estudo de viabilidade que determine as condicións básicas para manter a produción da fábrica e unha análise da situación da planta por liñas de traballo, así como a facturación real do grupo por plantas, produtos e plantilla asociada dende o ano 2009. O PP votou en contra disto e de negociar co grupo propietario para conservar e manter a actividade industrial para obter beneficios sociais para o conxunto da sociedade das transferencias realizadas.
Relacionadas:
-
Que sucede dentro da nave de Tafisa?
Por Anxo Lourido |
-
Acordo para o peche de Tafisa despois de 22 horas de xuntanza
Por Redacción |
-
Os traballadores de Tafisa trasladan as súas protestas ante a sede central do grupo Sonae
Por Redacción |
-
O conselleiro de Industria vai reunirse con altos cargos de Sonae para intentar que Tafisa non peche
Por Anxo Lourido |
-
O plantel de Tafisa acusa á empresa de engordar as perdas con outros gastos do Grupo Sonae
Por Redacción |