Tres feridos ao chocar dous coches e envorcar un deles en Campañó
Por Redacción
Tres persoas resultaron feridas e tiveron que ser trasladadas en ambulancia a un centro sanitario tras verse implicadas nun accidente de circulación na estrada entre Pontevedra e Vilagarcía á altura da parroquia pontevedresa de Campañó.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 recibiu a alerta do suceso ás 19.04 horas deste sábado. Outras fontes consultadas explicaron que o sinistro consistiu na colisión entre dous vehículos no que un deles acabou envorcado no medio da calzada co seu condutor atrapado dentro.
O 112 alertou os Bombeiros de Pontevedra, pero, cando chegaron ao lugar do accidente, non foi necesario que interviñesen para excarcerar a ningún atrapado. O persoal sanitario do 061 xa auxiliara o condutor do vehículo envorcado e estaba a proceder a darlle asistencia médica.
Segundo explicaron testemuñas do incendente, un dos vehículos incorporábase á estrada PO-531 e o outro circulaba por esta. Por causas que se descoñecen, colisionar e un envorcou. O accidente obrigou a Garda Civil a manter cortada a estrada ata que se logrou retirar este vehículo, pois obstaculizaba ambos os dous carrís de circulación.
Ao lugar acudiron patrullas da Policía Local e a Garda Civil de Tráfico e efectivos sanitarios do 061.