Investigan o incendio dun vehículo de madrugada en Cambados
Por Redacción
A Garda Civil abriu unha investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciu un incendio nun vehículo que comezou a arder de forma repentina de madrugada en Cambados.
Segundo informou Protección Civil de Cambados, o 112 alertounos do incendio ás 3.39 horas da madrugada á altura do número 37 da avenida de Vilagarcía.
Os voluntarios de Protección Civil sufocaron as chamas, que esnaquizaron por completo a parte dianteira do vehículo, e os Bombeiros acudiron ao lugar e colaboraron nas tarefas para arrefriar o coche e evitar que o lume se reaviase.
Ao lugar tamén acudiron a Policía Local de Cambados e a Garda Civil, que agora investiga se se tratou dun incendio fortuíto ou provocado.