"Welcome back", Elcano e os teus 69 'guardiamarinas'
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Cagliari (Italia), Mahón, Sete (Francia), Melilla, San Fernando, Cádiz, Santa Cruz de Tenerife, Praia (Cabo Verde), Cartagena (Colombia), Santo Domingo (República Dominicana), Nova York (EE.UU), Dublín (Irlanda), Hamburgo (Alemaña), Oslo (Noruega). E... por fin... Marín. O Buque Escola Juan Sebastián Elcano volveu á casa tras finalizar o seu 85 Cruceiro de Instrución e no Peirao de Torpedos da Escola Naval Militar esperábano, ansiosos, centos de cidadáns. Algúns, desexosos de ver o buque insignia da Armada Española en todo o seu esplendor. Outros, desexando abrazar algún dos 69 gardamariñas que estiveron a bordo durante os seis últimos meses.
A emoción invadiu a todos cando Elcano empezou a enxergarse dende a boca da Ría de Pontevedra e foi aumentando a medida que se achegaba á Escola Naval. Entrou custodiado por pequenas embarcacións da Garda Civil e de afeccionados que cada ano acoden fieis a saudar o Buque Escola. E, unha vez atracado, desatáronse os aplausos. Igual de entusiastas foron os que agardaban ver a embarcación como os que esperaban, mesmo carteis en man, a chegada dos seus mariñeiros. "Welcome back", rezaba algún deles.
A entrada de Elcano pola Ría de Pontevedra causou grande expectación entre pontevedreses e visitantes, que quixeron retratar o momento con móbiles e cámaras fotográficas, aproveitando que o día despexado permitía tomar instantáneas grandilcuentes do buque a pesar de que chegou coas velas recollidas.
O comandante director da Escola Naval Militar, Juan Luis Sobrino Pérez Crespo, os oficiais profesores, o batallón de alumnos, a Banda de Música da Escola e os familiares e amigos dos gardamariñas embarcados agardaban xa no peirao cando, rematado o atraque, os gardamariñas foron descendendo escaleira abaixo e fundíndose en tenros abrazos. Arriba tan só regresou o capitán de Navío Enrique Torres Piñeyro, baixo cuxo mando discorreu este Cruceiro de Instrución.
O Juan Sebastián de Elcano permanecerá en Marín ata o próximo 17 de xullo para efectuar presenza naval nos actos de Xura de Bandeira e entrega dos Reais Despachos do día 16 de xullo na Escola Naval. Ao finalizar, volverá ao seu porto base no Arsenal de La Carraca (Cádiz).
Durante a súa estanza en Marín realizaranse tres xornadas de portas abertas cos seguintes horarios: luns 14 e martes 15 de xullo, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O mércores 16 poderá visitarse de 16.00 a 20.00 horas.
Relacionadas:
-
76 gardamariñas da Escola Naval embarcarán este sábado no Juan Sebastián de Elcano
Por Redacción |
-
O Juan Sebastián Elcano chegou á Escola Naval de Marín con 127 quilos de cocaína a bordo
Por Redacción |
-
Os tres mariñeiros de 'Elcano' foron detidos por tráfico de drogas por unha orde emitida dende Estados Unidos
Por Redacción |
-
Rajoy presidiu a entrega de reais despachos na Escola Naval de Marín
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Primeiros Reais Despachos de Rajoy como presidente
Por Redacción |
-
O Juan Sebastián de Elcano regresa a Marín este domingo
Por Redacción |
-
69 gardamariñas da Escola Naval de Marín embárcanse no 85 cruceiro do Juan Sebastián Elcano
Por Redacción |