Unha moza resulta ferida na colisión entre dous vehículos en Barro
Por Redacción
Unha moza de 20 anos foi trasladada en ambulancia ao Hospital Domínguez de Pontevedra tras verse implicada nun accidente de circulación rexistrado en Barro.
O Centro de Atención de Emerxencias 112 tivo constancia do sinistro ás 10.30 horas á altura do punto quilométrico 108 da estrada N-550. Consistiu nunha colisión entre dous turismos froito da que resultou danado un poste.
A condutora dun dos turismos resultou ferida e esperou dentro do vehículo, sen moverse, á chegada dunha ambulancia do 061. Tras darlle unha primeira asistencia no lugar, os efectivos sanitarios procederon ao seu traslado hospitalario, pero, en principio, o seu estado non reviste maior gravidade.
Ao lugar do accidente desprazáronse efectivos de Protección Civil de Barro, a Garda Civil de Tráfico, o 061 e o servizo de limpeza e mantemento de estradas do Ministerio de Fomento.