Máis de 100 desempregados obterán formación laboral a través do programa 'Iles'
Por Redacción
O ministerio de Facenda ten concedio unha prórroga para que a concellaría de Promoción Económica continúe, durante seis meses máis, desenvolvendo o programa de formación e inserción laboral trianual ILES (Iniciativa local de Emprego social).
Nesta convocatoria seleccionaranse 105 persoas entre a lista de 315 nomes que envíen dende as oficinas do Servizo de Emprego a finais deste mes de xullo. As entrevistas para seleccionar as persoas que poidan participar nestes cursos de formación realizaranse polo persoal técnico do ILES durante o mes de agosto. Puntuarase favorablemente o empadroamento no concello de Pontevedra, non ter participado en edificións anteriores deste programa, o sexo feminino, ser menor de 30 anos ou maior de 45, pertencer a colectivos especiais, ser demandante do primeiro emprego, levar parado entre 2 e 5 ano ou máis de 5 anos e, finalmente, o resultado da entrevista persoal.
A formación centrarase nas especialidades de auxiliar de xeriatría, monitor de natación sincronizada, monitor de actividades acuáticas para persoas dependentes, atención a enfermos de alzheimer, atención á infancia, camareiro de pisos e atención sociosanitaria a persoas no domicilio.
Os cursos iniciaranse o próximo 8 de setembro e cada curso conta cunha capacidade de 15 persoas, cunha duración de 365 horas. Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, este programa logra resultados de integración laboral próximos ao 50% dos participantes.
Esta prórroga conta cun custo total de 216.290 euros, dos que os fondos europeos achegan 173.032 euros. O custo dos tres anos e medio de actividade de ILES sitúase en 1.579.419 euros.
Carlota Román alertou de que este tipo de programas perigan debido á falta de axudas e á reforma da Administración local que considera que estas actividades non son de competencia municipal.