Apoio institucional ao marisco coma reclamo dos turistas
Por Redacción
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, rubricaron este luns o acordo de colaboración para a celebración da Festa do Marisco do Grove na súa edición número 51.
Segundo explicou Nava Castro, a gastronomía constitúe un dos nosos principais reclamos turísticos e o marisco é unha das nosas estrelas e distintivos culinarios. A directora de Turismo resaltou tamén que nesta edición 51, a festa incrementa o patrimonio cultural do concello porque celébrase o Simposio Internacional de Escultura ao Aire Libre, con máis de 20 anos de antigüidade e no que participan escultores internacionais utilizando como material o granito de Galicia.
Eventos científicos, folclóricos, expositivos e congresuais complementan a oferta desta festa que conta entre as súas actividades cun Foro de Recursos Mariños e de Acuicultura das Rías Galegas que cita a profesionais e estudosos.
A 51 edición da festa presentouse recentemente na cidade alemana de Hamburgo, no marco dunha presentación para touroperadores e prensa especializada alemá sobre as singularidades turísticas do destino Galicia. Cómpre ter en conta que Alemaña é o país estranxeiro do que procederon máis peregrinos en 2013.