Reclaman que se limite a velocidade a 50 km/h na PO-551 ao seu paso por Mogor
Por Redacción
O BNG de Marín denuncia que os novos sinais instalados na PO-551 ao seu paso por Mogor non respectan o modelo de travesía urbana como debería corresponder a esa zona. Os actuais sinais establecen o límite de velocidade en 70 km/h. e o grupo nacionalista reclama á Xunta de Galicia que se volvan instalar os sinais con límites de 50 km/h. entre Bueu e Marín na travesía urbana Aviador Calviño.
"O sinal, que está colocado inmediatamente despois da curva do matadoiro, contradí o límite establecido na dirección contraria, Marín-Bueu, de xeito que os conductores deben interpretar que poden circular ata 70km/h se van en dirección Marín, mentres que se van en dirección Bueu o límite está a 50km/h. O límite a 50 reestablécese en dirección Marín despois da curva da fonte de Mogor", indica a voceira do BNG de Marín, Pilar Blanco.
Ademais, a concelleira tamén reclama que o semáforo situado na Avenida Aviador Calviño funcione como regulador de velocidade porque, neste momento, só detén o tráfico cando algunha persoa pulsa para cruzar.