Aceptan dous anos de prisión por portar un cóctel molotov
Por Redacción
Os mozos Adrián Conde González e Diego Serodio Beltrán aceptaron a pena de dous anos de prisión como autores dun delito de tenza de aparatos explosivos, inflamables e incendiarios. Ambos os dous foron detidos o 24 de abril de 2010 cando se encontraban nas inmediacións do cuartel da Garda Civil de Tui. Os acusados, de 23 e 26 anos, portaban un cóctel molotov, un artefacto elaborado cunha botella rechea de gasolina e cunha mecha.
O proceso xudicial non chegou a celebrarse, tras alcanzar un acordo con Fiscalía, que rebaixou a pena inicial de catro anos de prisión pola de dous anos e o comiso do artefacto explosivo. Aplicáronselle os atenuantes de aceptación da pena e confesión e de dilacións indebidas.
A Garda Civil descartou a súa vinculación con Resistencia Galega, o grupo independentista reivindicara días antes os ataques ás sedes do PP de Nigrán e de Gondomar. Non obstante, ambos os dous si estaban relacionados coa actuación doutros tres mozos, Adrián Núñez, Antonio Lago e Mario Vázquez, cos que colaboraran no lanzamento de pintura vermella á estatua de José Calvo Sotelo, horas antes de que se desenvolvese o acto de toma de posesión do novo bispo de Tui-Vigo na catedral, situada nas proximidades da efixie pintada. Por esta acción, a pena que aceptaron é de 20 días de multa de 6 euros por unha falta de danos, rebaixándoselle os 20 euros diarios que se solicitaban inicialmente pola fiscal Carmen Novo.
Os cinco mozos carecían de antecedentes penais.