Máis de medio millón de euros para potenciar o aforro enerxético en Arousa e O Salnés
Por Redacción
Nove concellos de Arousa e Caldas-Umia beneficiaranse das obras de mellora de eficiencia enerxética que se acometen a través da nova liña de axudas que publica a Consellería de Economía e Industria.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, acompañado polo alcalde de Vilagacía, Tomás Fole, analizou as obras na vila arousana e sinalou que se invisten 538.575 euros nestes concellos nos que se acometerán melloras en 14 instalacións e 978 puntos de luz, "o que permitirá aforrar case 410 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 20.465 árbores plantadas". Segundo indicou van aforrar case 96.500 euros nun ano porque se reduce o consumo en 630.000 kWH.
Os concellos que se benefician destas axudas son Catoira, Caldas de Reis, Pontecesures, Meis, Meaño, Ribadumia, Poio, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa. Todos cambiarán os puntos de luz por novos equipos led. En Vilagarcía, en concreto, cambiáronse 106 puntos de luz no exterior da avenida de Rosalía de Castro e instalarase un reloxo astronómico que permitirá reducir o consumo e o fluxo luminoso nun 50% durante dez horas ao día, aforrando máis de 13.800 euros ao ano.
O delegado territorial recordou que tamén se acaban de publicar no DOG as axudas de aforro enerxético dirixidas a industria, en concreto, a empresas e autonómos. Corres Tourís sinalou que o prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 6 de agosto.