Louzán destaca o "alto ritmo inversor" que a xestión de Cubela consigue para Cotobade
Por Redacción
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou no curso dunha visita institucional a Cotobade, "o gran ritmo inversor que está a manter o concello debido, en gran medida, á capacidade de xestión do seu alcalde para obter recursos e financiación mediante a cooperación de varias institucións".
Na súa visita, Louzán acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, e polo delegado da Xunta, Xosé Manuel Cores Tourís inspeccionou diversas obras que a institución provincial está a realizar ou que xa están concluidas no concello.
Un exemplo desta cooperación foi a obra de mellora de accesos á Casa do Pobo de San Xurxo de Sacos na que Cubela logrou financiación da Deputación para executar a obra cun orzamento de 60.000 euros empregándose maquinaria da institución provincial pagada polo Concello de Cotobade.
Louzán destacou asemesmo as obras en curso para a reforma do Edificio Multiusos para o seu uso como Consultorio Médico pois dixo que "nun momento de dificultades económicas, a xestión de Cubela posibilitou que os veciños de Cotobade teñan un novo centro sin perder servizos, previsto para 2 médicos e dotado con 5 salas".
O novo consultorio médico contou cunha achega da Deputación de 191.697 euros e estará concluido o vindeiro mes de agosto.
No curso da súa visita, o presidente da Deputación falou sobre os traballos que se van efectuar na estrada a Almofrei e da dotación de herba sintética e outras melloras ao campo de fútbol que se iniciaron fai 15 días. Esta dotación deportiva é clave no concello pois congrega a actividade diaria de varios equipos de fútbol do concello así como das Escolas Deportivas Municipais.
Pola súa banda, o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, agradeceu o cumprimento dos compromisos adquiridos con él por parte de Louzán nunha xuntanza mantida o pasado 6 de marzo. "Cumpreunas todas e é de xustiza destacalo", dixo o rexedor.