Ponte Caldelas loita contra o "feísmo" derrubando o antigo palco da música da Insua
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas decidiu facer fronte ao "feísmo" derrubando as construcións que son de titularidade comunal e que, na actualidade, carecen de uso. Estas instalacións encóntranse situadas en carballeiras ou en zonas públicas visibles e normalmente pertencen ás asociacións e comunidades de veciños. Por este motivo, o alcalde Perfecto Rodríguez ten previsto consensuar estas demolicións con estes colectivos para concienciar os cidadáns da necesidade de eliminar estes elementos.
Desta forma, iniciouse o derrubamento do palco da Insua situado no Campo da Festa e que sufría graves deficiencias estruturais ameazando a seguridade dos veciños que pasaban por esta zona. A construción foi levantada hai máis de trinta anos con bloques e cemento para a celebración de actuacións musicais e de verbenas nas festas parroquiais. Non obstante, co paso do tempo, quedou sen uso.
O alcalde espera que funda o exemplo e que outras comunidades veciñais propoñan a demolición doutros palcos similares como outro que se encontra tamén na Insua, o de Caritel ou o de Forzáns.