A tartaruga Donatella volve a casa ao aparecer o seu propietario
Por Redacción
O propietario da tartaruga Donatella apareceu esta tarde pola base de Protección Civil de Caldas para recuperar a súa mascota despois de que un particular a encontrase no seu xardín nas últimas horas e lla trasladase á agrupación de voluntarios.
O dono, veciño de Aboi, vive preto do xardín onde apareceu o réptil. Segundo indicou os membros de Protección Civil é a primeira vez que lle escapa fóra do recinto do seu domicilio. Apuntou que Donatella, unha tartaruga femia de 25 centímetros, é bastante inqueda e adoita saírse do estanque no que se encontra habitualmente cunha tartaruga macha.
Os membros de Protección Civil indicaron que, durante toda a xornada, o teléfono da base "botaba fume" ante a cantidade de chamadas recibidas interesándose polo animal. Por ela preguntaron non só veciños de Caldas senón tamén doutras zonas de Galicia como Muxía, Serra de Outes ou Mourente.
Algúns dos particulares que chamaron preguntaban pola posibilidade de adoptala en caso de que non aparecese o dono para evitar que tivese que ser trasladada a un centro de acollida de animais.