O Pavillón estrea nova pista de xogo adaptada ás normas das distintas federacións deportivas
Por Redacción
O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra estrea nova pista de xogo unha vez terminada a última reparación realizada, que estaba enfocada a adaptala ás normativas das distintas federacións deportivas, especialmente no que atinxe á práctica do baloncesto. O resultado é xa visible e visitouno este mércores o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
Supuxo un investimento de 20.751,98 euros. A cancha, montada no ano 2001, foi lixada, pulida, vernizada e pintada con vistas ao Campionato de España Infantil de Baloncesto Feminino, celebrado a finais do pasado mes de maio. Agora, pasado o evento, rematouse a actuación coa instalación de grandes bandas azuis nos laterais coa lenda Pontevedra en grandes letras brancas.
Agustín Fernández comprobou o resultado da reparación e subliñou que o investimento acumulado pola Concellería de Deportes durante este mandato municipal na instalación deportiva supera os 420.000 euros.
O concelleiro tamén analizou co persoal a inminente contratación das obras de substitución do sistema de produción de Auga Quente Sanitaria (AQS) para as duchas.
O Instituto Municipal de Deportes vai investir 139.228,83 euros para instalar unha caldeira de biomasa, alimentada con pellets, na sala de máquinas e cumprir así todos os requisitos que garantan a continuidade da actividade, así como minorar o impacto ambiental da instalación municipal.
Actualmente, a auga quente prodúcese pola mesma bomba de calor que proporciona calefacción, xunto cunha caldeira auxiliar de gasoil, o que incumpre a normativa actual.