Inmobilizan un camión da Orquestra Panorama en Marín por exceso de peso
Por Redacción
Un camión da caravana da Orquestra Panorama foi inmobilizado no porto de Marín a primeira hora da mañá deste mércores tras denuncialo a Garda Civil por unha infracción administrativa.
A Garda Civil deu o alto ao camión cando saía de Marín tras recoller todo o material despois da actuación da pasada noite nas Festas do Carme. Fontes da propia orquestra confirmaron que se realizou un pesado do vehículo e levaba máis tonelaxe do permitido.
Ao respecto, fontes da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra indicaron que os axentes detectaron que a documentación do camión está incompleta por unha cuestión adminitrativa, de modo que se procedeu a abrir dilixencias sobre o sucedido.
Os axentes procederon a inmobilizar o camión ata que se solucione a irregularidade detectada, de modo que a empresa que xestiona a orquestra, Espectáculos Lito, está a traballar para buscar unha solución que permita sacar o vehículo do porto de Marín ao longo deste mércores para utilizalo nunha actuación que teñen prevista esta mesma noite en Boiro.
As fontes da empresa consultadas explican que traballan en dúas solucións posibles, que pasarían por traspasar o contido dese camión a outro para poder trasladalo a Boiro ou por tramitar un permiso especial para poder circular ata que se resolva a infracción.
A empresa asume que terá que aboar unha sanción administrativa por exceso de peso, pero confía en poder ter o camión para a actuación de Boiro. De todos os xeitos, apuntan a que só está inmobilizado un dos vehículos da caravana da orquestra. O resto está dispoñible para a actuación.
Relacionadas:
-
Satisfacción no equipo de María Ramallo polo resultado das festas do Carme
Por Redacción |
-
Rosana repasa os grandes éxitos da súa carreira nun multitudinario concerto en Marín
Por Diego Torrado |
-
O concerto de Carlos Baute e o pregón do Trío Ruada abren unha semana de festas en Marín
Por Diego Torrado & Natalia Puga |