Un motorista resulta ferido tras chocar cun cervo en Ponte Caldelas
Por Redacción
Un motorista resultou ferido este mércores despois de colidir co vehículo que conducía contra un cervo que interceptou na vía en Ponte Caldelas. Tivo que ser trasladado polos servizos sanitarios de urxencia.
Segundo relataron testemuñas do accidente ao Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, o ferido foi localizado tendido na vía. Ao lado estaba o animal, que, aínda que estaba vivo, presentaba feridas de consideración.
O accidente produciuse arredor das 8.30 horas na estrada PO-234, que une Ponte Caldelas con Augasantas. Tras recibir a alerta dun particular, o 112 puxo en marcha un operativo no que participaron Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e persoal de limpeza e mantemento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Tamén foi informado o Centro de Recuperación de Fauna de Cotorredondo para a atención do cervo afectado.
ACCIDENTE EN VILABOA
Segundo informa o 112, un home resultou ferido a primeira hora da mañá tras sufrir un accidente co motocultor que manexaba en Vilaboa e tivo que ser trasladado a un centro hospitalario.
Para poder ser atendido polos servizos sanitarios, foron necesarios medios de rescate, pois o ferido se atopaba nunha finca de difícil acceso. Pese ao impacto, o condutor do tractor estaba liberado, polo que se prescindiu dos equipos de excarceración.
Un particular alertou do accidente ás 7.00 horas deste martes. Tras recibir o aviso, o 112 pediu a colaboración de Urxencias Médicas, Garda Civil e efectivos de Protección Civil de Vilaboa.