O TSXG suspende a revisión da sentenza do crime das chinesas e envíaa de novo á Audiencia
Por Redacción
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) suspendeu a vista sinalada para este mércores para abordar os recursos de apelación interpostos pola defensa contra a sentenza que condenou a Zhang Hai Jie a 14 anos de prisión polo homicidio de Guang Qu, unha compatriota acontecido a finais de abril do 2009 nun edificio da rúa Amado Carballo.
Fontes do TSXG confirmaron que a vista se suspendeu por unha cuestión procesual que obriga a enviar de novo a sentenza á Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, que xulgou o caso, para que a emende. Ata o momento non hai data para unha nova vista, que se sinalará cando o asunto chegue de regreso ao Alto Tribunal galego.
O avogado pontevedrés Rafael Alonso Fernández, que defende o único procesado neste dobre crime, argumenta un suposto erro de apreciación dos feitos xa que sostén que existe incompatibilidade horaria, ademais pon en dúbida que terían participado necesariamente dúas persoas en ambos os dous homicidios. O letrado pedía que se condenase o seu cliente á pena mínima recollida no Código Penal para o delito de homicidio coa circunstancia agravante de abuso de superioridade que lle atribúe o veredicto do xurado.
A sentenza considérao autor dun delito de homicidio coa circunstancia agravante de abuso de superioridade e absólveo do segundo delito polo que o acusaban, o homicidio da segunda das cidadás chinesas que apareceu morta en abril de 2009 no mesmo domicilio da rúa Amado Carballo, Zung Kun.
O xurado determinou por unanimidade que o procesado matou a Guang Qu, madama da casa de citas que tiñan ambas as dúas na rúa Amado Carballo, tras acudir á vivenda o 26 de abril de 2009 nunha hora non determinada, pero que se sitúa entre as 9.30 e as 18.00 horas, "acompañado por outra persoa non axuizada" neste xuízo (pero que todas as partes identifican como Wen Bin Sun).
Relacionadas:
-
Hai Jie Zhang chora de "frustración": absolto, pero internado
Por Natalia Puga |
-
A defensa pide a absolución do único condenado polo crime das chinesas
Por Redacción |
-
O TSXG aborda o recurso da defensa do condenado polo crime das chinesas
Por Oskar Viéitez |
-
O crime das chinesas de Amado Carballo ten sentenza: 14 anos de prisión para o único procesado
Por Natalia Puga |
-
O xurado declara culpable só dun homicidio o acusado do dobre crime das chinesas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada