Rajoy presidiu a entrega de reais despachos na Escola Naval de Marín
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, presidiu este mércores, 16 de xullo, o acto de entrega de reais despachos aos novos oficiais da Armada e a xura de bandeira dos alumnos de primeiro curso da Escola Naval Militar, en Marín.
O ano pasado esta entrega estivo presidida polos agora Reis de España, Don Felipe e Dona Letizia. A presenza dos monarcas fora anunciada para este ano polo propio delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, non obstante a axenda da Casa Real foi alterada con motivo da viaxe a Marrocos.
Dáse a circunstancia de que este mércores se cumpren 25 anos da entrega do seu despacho de mans de Don Juan de Borbón ao seu neto Don Felipe de Borbón, polo que está previsto que o Rei acuda o próximo outono á Escola Naval de Marín para participar nos actos dese aniversario. Felipe VI cursou estudos en Marín facendo a formación e a instrución con dúas promocións distintas.
O titular do Executivo español foi a máxima representación do Estado nestes actos cos que a Armada celebra o día da súa patroa, a Virxe do Carmen.
A cerimonia tamén contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o ministro de Defensa, Pedro Morenés; a ministra de Fomento, Ana Pastor; a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e varios conselleiros do goberno galego entre un nutrido grupo de autoridades militares e autonómicas.
Como acontece dende que a ministra de Defensa socialista, Carme Chacón, modificara este tipo de cerimonias castrenses, o acto ten dúas partes diferenciadas e separadas; unha relixiosa de carácter voluntario no que se interpreta a 'Salve Mariñeira' durante a misa en honor á patroa da Mariña e, por outra parte, a entrega de reais despachos e xura de bandeira na que se pasa revista ás tropas e tras o Himno, se produce a homenaxe aos que deron a súa vida por España. Esta segunda parte desenvolveuse na explanada principal do recinto militar baixo a atenta mirada de máis de catro mil persoas, na súa maioría familiares e amigos dos alumnos da Escola Naval.
En total xuraron bandeira 179 alumnos e recibiron despacho 131.
Na súa alocución o Comandante Director da Escola, Juan Luis Sobrino, recordou que os alumnos que hoxe "formalizaron su compromiso de servicio a España al besar la bandera" compoñen a cuarta promoción do novo modelo de ensino, que dentro de catro anos egresará cunha titulación universitaria do sistema educativo xeral correspondente a enxeñaría industrial.
No día de hoxe ponse punto e final ao plan de estudos que entrou en vigor en setembro de 1992. Os oficiais de Corpo Xeral e Infantaría de Mariña que hoxe recibiron o seu Despacho pechan un ciclo de 22 cursos que serviu de referencia para determinar as materias que debería comprender a titulación que demanda a Lei de Carreira Militar.
A fragata Álvaro de Bazán e as patrulleiras Tabarca e Centinela asistiron ao evento dende a ría de Pontevedra.
Fiel á súa cita coa Escola Naval de Marín acudiu o pasado domingo o buque-escola da Armada "Juan Sebastián de Elcano", poñendo fin ao seu 85 cruceiro de instrución, no que participaron 69 guardiamarinas.
Non obstante a presenza do emblemático buque da Mariña española viuse embazada polo arresto de tres mariñeiros da tripulación, detidos tras a chegada do barco a Marín por comprar presuntamente 20 quilos de cocaína en Colombia e vendela, posteriormente, en Nova York.
Relacionadas:
-
Nin o Rei, nin Rajoy, nin o Elcano asistirán á entrega de Reais Despachos en Marín
Por Redacción |
-
76 gardamariñas da Escola Naval embarcarán este sábado no Juan Sebastián de Elcano
Por Redacción |
-
Os Reis acoden a Marín para celebrar o aniversario da promoción de Felipe VI
Por Redacción |
-
Satisfacción no equipo de María Ramallo polo resultado das festas do Carme
Por Redacción |
-
"Welcome back", Elcano e os teus 69 'guardiamarinas'
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Primeiros Reais Despachos de Rajoy como presidente
Por Redacción |