A demora media de pagamento a provedores no Concello de Pontevedra redúcese a 18 días
Por Redacción
En Pontevedra "seguimos pagando ben, seguimos pagando ao día e seguimos diminuíndo os prazos de pago". Son palabras do concelleiro de Facenda, Raimundo González, que presumiu co feito de que no segundo trimestre de 2014, se logrou reducir a 18,01 días o período medio que deben esperar para cobrar os provedores que traballan para o Concello. Nos tres primeiros meses do ano situárase en 18,57 días.
En total, entre abril e xuño o Concello de Pontevedra pagou facturas por valor de 8.515.000 euros. Fóra dese prazo legal dos 30 días pagáronse 932.000 euros, é dicir, algo máis do 10% do total.
A demora media para o cobramento é aínda menor no caso do Pazo da Cultura, que se sitúa en 8,97 días; ou o Instituto Municipal de Deportes, onde apenas se tardan 6,55 días.
MODIFICACIÿNS DE CRÿDITO
Na comisión de Economía e Facenda, aprobáronse por unanimidade tres novas modificacións de crédito. Teñen un valor conxunto de 627.000 euros. A maior parte dese diñeiro resérvase para o IMD (373.000 euros) para a organización de actividades deportivas e unha caldeira de biomasa para o Pavillón municipal; mentres que outros 134.000 se destinarán ao Pazo da Cultura para custear actividades culturais.
Os 120.000 restantes son para as obras da UNED, para pagar a parcela da futura planta de compostaxe de Pontevedra e para o convenio coa Universidade de Vigo para cofinanciar unha serie de investigacións tecnolóxicas.