Dous feridos graves ao chocar un turismo contra unha árbore en Portas
Por Redacción
Dúas persoas sufriron feridas de cáracter grave e outras dúas pequenas mazaduras tras verse implicadas nun accidente de circulación rexistrado a primeira hora da mañá nunha estrada secundaria da parroquia de Lantaño, en Portas. Os catro viaxaban no mesmo turismo, chocaron contra unha árbore e a súa condutora quedou atrapada.
O Centro de Atención de Emerxencias 112 rexistrou o sinistro ás 5.58 horas deste xoves na estrada que comunica Portas coa parroquia caldense de Godos ao seu paso por Lantaño. Por causas que se descoñecen, o vehículo saíuse da vía e chocou cunha árbore pouco antes de chegar á ponte da praia fluvial de Portas.
Segundo explica Protección Civil de Caldas, o Volkswagen Golf chocou contra a árbore pola parte lateral esquerda, de modo que o principal impacto o sufriu a condutora. A consecuencia do sinistro, a moza quedou coas pernas atrapadas pola estrutura do cadro de instrumentos, de modo que foi necesario que os medios de emerxencias desprazados á zona a excarcerasen para liberalo as extremidades de entre os ferros.
A moza permaneceu consciente durante todo o rescate e, unha vez liberada, recibiu unha primeira asistencia dos sanitarios do 061 no propio lugar do sinistro. A continuación, foi trasladada a un centro hospitalario.
En canto aos outros tres ocupantes do turismo, dous deles presentaban mazaduras, pero non foi necesario o seu traslado a ningún centro médico e o terceiro sufriu feridas graves e si foi derivado ao hospital cun prognóstico, en principio, reservado.
Ao lugar desprazáronse dúas patrullas da Garda Civil de Tráfico, voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Caldas e Portas, efectivos dos Bombeiros do Salnés e dúas ambulancias de Urxencias Médicas de Galicia, unha delas medicalizada (de soporte vital avanzado) e a outra asistencial (de soporte vital básico).
Os medios de emerxencias intervintes tiveron que retirar o vehículo do medio da calzada para permitir a libre circulación pola vía.