Cuño das Rías Baixas para todas as cartas que se envíen dende Galicia
Por Redacción
Todas as cartas e tarxetas postais que se envíen dende Galicia durante os meses de agosto e setembro deste 2014 converteranse nunha promoción turística a provincia de Pontevedra por todo o mundo. Todas levarán un cuño co nome de Rías Baixas.
A iniciativa, que é froito dunha colaboración entre a Deputación Provincial de Pontevedra e Correos, non será a única posta en marcha este verán para difundir a imaxe das Rías Baixas no exterior. Poñeranse a disposición dos visitantes 11.250 postais con imaxes da provincia para que se envíen de forma gratuíta a España e Europa.
As tarxetas postais están xa prefranqueadas e, segundo explicou este xoves Ruth González, xefe de servizo de Turismo Rías Baixas, permitirán "poder ensinar a riqueza do noso destino" a través de dez imaxes distintas de localizacións como Combarro, as Illas Atlánticas, Soutomaior ou o Monte Facho de Cangas. As postais estarán dispoñibles nas oficinas de turismo da provincia e serán válidas para envíos nacionais e a Europa.
Distribúen 11.250 postais con imaxes da provincia para que se envíen de forma gratuíta a España e Europa
O responsable de Correos na área norte, Ángel Pérez, considera que a iniciativa permite "dar a conocer la experiencia de las Rías Baixas a los turistas que nos visiten" e que poidan "cerrar el círculo" e promover o destino, pois terán á súa disposición postais gratuítas e poderán envialas tamén sen pagar nada e metelas na caixa de correo no mesmo momento en que as recollan. Para iso, habilitaranse oito caixas de correo en distintas oficinas de turismo. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, considera que a iniciativa permitirá a Rías Baixas "ter presenza en toda Europa".
Louzán anunciou, durante a presentación das postais, o inminente traslado da oficina de Turismo da Xunta de Galicia ao Palacete das Mendozas, sede de Turismo Rías Baixas, e tamén outra actuación urxente para facer completamente accesible este edificio.
Ao respescto, explicou que "deste xeito, un punto de información clave na cidade de Pontevedra, que da servizo a todas as Rías Baixas, unifica as oficinas da Xunta e da Deputación pois non tén sentido que cada institución manteña organismos e dependencias parecidas cos mesmos servizos".