Urbanismo impulsa os trámites para culminar o polígono da Granxa do Vao e regularizar o aparcamento de Véteris
Por Redacción
A Comisión de Urbanismo reuniuse este xoves para ditaminar dúas actuacións en materia de planeamento relacionadas coa aprobación definitiva do polígono da Granxa do Vao e a regularización do aparcamento de Véteris.
O Concello inicia así a modificación do Plan Xeral de Urbanismo para sacar adiante a segunda fase do polígono de industria escaparate da Granxa do Vao despois dos trámites previos nos que foi necesario solicitar numerosos informes previos e vinculantes a distintas administracións, o que dilatou o procedemento durante case unha década.
O último condicionante foi o informe previo da Xunta de Galicia no que obrigaba a realizar diversas correccións e, ademais, invitaba ao Concello a deixar acreditado o interese público da modificación proposta. O polígono está previsto no Plan Xeral de 1989, aínda que o seu ámbito resultou partido e modificado por sucesivas obras infraestruturais como a ampliación da estrada Pontevedra - Vilagarcía (C-531) e mesmo a construción da autoestrada AP-9.
Antón Louro lamenta a complexidade do procedemento e agarda que estea concluso antes do remate deste ano
O pasado mes de maio o concelleiro de Urbanismo e tenente de alcalde, Antón Louro, asinou un protocolo cos tres propietarios maioritarios dos terreos polo que se acreditou "un interese público evidente que dimana da escaseza de solo industrial neste termo municipal" e no que se subliñou que a súa execución posibilitará a creación de ata 300 postos de traballo. Por este motivo, cualificouse a iniciativa como "actuación privada concertada de desenvolvemento preferente".
O proxecto de modificación puntual será aprobado inicialmente polo Pleno do Concello e a continuación será sometido a exposición pública por dous meses. A lei obriga entón a pedir informes en materia de patrimonio, telecomunicacións, augas e servidumes aeronáuticas. A continuación aprobarase provisionalmente, tamén polo Pleno. Entón será necesario volver requirir os informes en materia de Costas e Estradas á Xunta e ao Estado, así como a rebaixa da liña de afección de Costas á Comisión Superior de Urbanismo da Xunta. Finalmente, rematado o expediente, remitirase á Xunta de Galicia, a quen corresponde a aprobación definitiva.
Antón Louro lamenta a complexidade do procedemento e agarda que estea concluso antes do remate deste ano. O Concello, explicou, "impulsará ao máximo, pero dependemos da colaboración do resto das administracións, algo que entendemos que xa debería ser automático, toda vez que están recabados todos os informes previos".
REGULARIZACIÿN DO APARCAMENTO DE VETERIS
O segundo asunto abordado pola comisión de urbanismo ten que ver coa consulta á Xunta de Galicia sobre a necesidade de sometemento a Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Especial de Infraestruturas (PEID) da Unidade de Actuación 35 do PXOU, en execución da recente sentencia do Tribunal Supremo.
Trátase, por tanto, dos trámites para a regularización do aparcamento de Veteris.
O Concello está a traballar xa na redacción dos novos pregos para a licitación pública da explotación
O PEID actual foi anulado por falta da Avaliación Ambiental. Algo que se debeu a que á normativa reguladora naceu en 2006, coincidindo coa tramitación do Plan Especial. Ademais, o proxecto do aparcamento foi posteriormente sometido a estudo de Impacto Ambiental e resultou favorable.
A intención é volver aprobar o PEID, algo que sería máis rápido en caso de innecesariedade de sometemento á Avaliación Ambiental Estratéxica.
Paralelamente, o Concello está a traballar xa na redacción dos novos pregos para a licitación pública da explotación en réxime de concesión do aparcamento.
Relacionadas:
-
O parking de Veteris sairá a concurso público por 68 anos
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta convoca o Concello de Pontevedra para desbloquear o desenvolvemento do polígono do Vao
Por Redacción |
-
O polígono empresarial da Granxa do Vao avanza malia a súa complexa tramitación
Por Redacción |
-
O aparcamento público de Veteris non terá que someterse a tramitación ambiental
Por Redacción |
-
Decretan o "interese público" do polígono da Granxa do Vao para salvar as trabas da Xunta ao proxecto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Moreira pon a Véteris como exemplo da "irresponsabilidad de la gestión urbanística del gobierno de Lores"
Por Natalia Puga |
-
Anulado o plan urbanístico e a concesión directa do aparcadoiro de Véteris
Por Oskar Viéitez |
-
Urbanismo tramita o polígono Granxa do Vao confiando que a Xunta admita unha excepción na lei de Costas
Por Oskar Viéitez |