A caída de dúas pólas en Campolongo obriga a intervir aos bombeiros
Por Diego Torrado
Os Bombeiros de Pontevedra interviñeron este xoves no parque de Campolongo ante a caída de dúas pólas dunha árbore de gran porte.
O suceso tivo lugar a primeiras horas da tarde e obrigou os equipos de emerxencia a acordoar o paseo situado entre o centro deportivo e a igrexa de San Xosé.
Os técnicos do servizo de parques e xardíns estudarán se é necesario desramar a árbore para evitar accidentes como o acontecido en Madrid o pasado día 22 de xuño cando un home de 38 anos falecía dentro do parque de El Retiro como consecuencia das feridas que sufriu ao caerlle enriba a póla dunha árbore cando paseaba coas súas dúas fillas.
PEQUENO INCENDIO FORESTAL
Os Bombeiros do parque pontevedrés tamén interviñeron este xoves na extinción dun incendio forestal localizado en Monte Porreiro.
O lume orixinouse sobre as 18:00 horas por causas que se descoñecen e afectou a unha pequena superficie fronte á praia fluvial.