O bo tempo regresará o luns á tarde coa chegada dun anticiclón
Por Redacción
A presenza de tormentas durante a madrugada deste sábado 19 deixa paso a unha fin de semana inestable. Durante a xornada abriranse algúns claros pero os chuvascos serán frecuentes en calquera punto da comunidade galega, coa posibilidade de novos episodios tormentosos.
Segun as previsións de MeteoGalicia, as altas presións entrarán de novo durante o domingo de xeito progresivo polo que a atmosfera tenderá a estabilizarse. Aínda así, durante a mañá do domingo 20 agárdanse ceos anubrados con algunhas chuvias débiles e intermitentes con tendencia a desaparecer a partir do mediodía para ofrecer a presenza de claros. As temperaturas continuarán con valores baixos para esta época do ano e os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos.
O luns agárdase unha incursión anticiclónica sobre Galicia. No litoral das Rías Baixas haberá presenza de ceos con poucas nubes en xeral, as temperaturas mínimas experimentarán un moderado descenso mentres que as máximas se situarán arredor dos 24 graos. Os ventos soprarán de compoñente norte, frouxos con intervalos de moderado.
O martes, Galicia quedará nunha situación anticiclónica, con sol e ventos do nordés. Haberá unha entrada de aire cálido dende o sur que favorecerá o ascenso das temperaturas. Os ceos estarán despexado en xeral e as temperaturas comezarán a situarse sobre os 30 graos, manténdose durante os seguintes días. O vento soprará frouxo do norte na zona das Rías Baixas.