Vilagarcía quere volver pedalear
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía iniciou o proceso de licitación do servizo de préstamo de bicicletas baixo o nome de Vaibike!, que se retirou hai máis de ano e medio debido ao seu carácter deficitario. Tres empresas locais interesáronse agora por conseguir este servizo que, segundo as condicións establecidas, deberá funcionar sen ningunha achega económica municipal, de maneira que o adxudicatario obterá os seus ingresos mediante o cobramento dunha tarifa polo aluguer e a explotación publicitaria deste servizo.
Para a restitución do Vaibike!, o concello poñerá a disposición da empresa as 116 bicicletas das que dispón, 83 delas encóntranse listas para o uso; ademais das cinco estacións de aparcadoiro; os cinco puntos de conexión para conectar vía ADSL co centro de control, a licenza de software para a xestión do servizo de préstamo; o lector de tarxetas de usuarios e o local para oficina do servizo, situado no parque de Cavadelo.
A concesión será por catro anos, sen opción de prórroga. Os horarios mínimos que se establecen son, de luns a sábado de 7:30 a 21:30, ampliado ás 22.00 en verán e de 10:00 a 21:30 en domingos e festivos. As tarifas propostas terán que ser aprobadas polo Concello de Vilagarcía e a revisión das bicicletas deberá ser diaria individualmente e trimestral para o conxunto do parque.
Estableceranse varios aboamentos: anual, mensual, quincenal, semanal e diario. Ademais valorarase a realización de actividades lúdicas ou deportivas relacionadas coa bicicleta. Este medio de transporte conta, en Vilagarcía, con numerosos seguidores e mesmo chegaron a recoller sinaturas en 2012 para solicitar a continuidade deste servizo.