Máis Mar presenta novas actividades para o verán de Marín
Por Redacción
A terceira edición de Máis Mar en Marín desenvólvese por terceiro ano consecutivo nas praias de Portocelo, Mogor, Aguete e Loira coa intención de potenciar a visita aos areais. A concelleira de Comercio e Turismo de Marín, Cristina Acuña, presentou esta campaña durante o mediodía deste sábado 19 sinalando que "Marín fixo un grande esforzo por contar co Máis Mar un verán máis. Esperamos superar a cifra de participantes das edicións anteriores".
A maior novidade desta edición céntrase na presenza de pedaletas que se unirán aos kayaks, grandes triunfadores entre os participantes durante os actos do pasado verán, para converterse nas atraccións preferidas polos nenos e polos adultos. Nesta ocasión, o programa de actividades divídese en dous bloques, un en xullo, nas praias de Portocelo e Mogor; e outro en agosto, nos areais de Loira e Aguete.
Empregaranse tamén os inchables no mar, zonas de prensa e wifi, espazos chill out e outras actividades de ocio para todas as idades que se irán recollendo, día a día con todos os horarios e novidades, no Facebook Máis Mar Marín.