Máis quilos e máis hostaleiros na XV Festa do Polbo de Bueu
Por Redacción
A XV edición da Festa do Polbo de Bueu desenvolverase do 14 ao 17 de agosto no aparcadoiro dos xardíns Urbano Lugrís das Lagoas coa participación dos catro establecementos das anteriores edicións, Casa Acuña, Casa Quintela, Irmáns Portela e Rosa de los Vientos, aos que se sumará o café bar Nuncia. A estes postos de degustación que ofrecerán as súas especialidades a 5 e a 7,5 euros sumarase o de venda en exclusiva de polbo á feira da Confraría e o Concello.
Con esta festa inténtase promover un dos produtos típicos da ría baixo a marca de calidade con denominación Polbo das Rías coa instalación dunha carpa con capacidade para 600 persoas. A organización ten previsto repartir entre 2.000 e 3.000 quilos de polbo durante os catro días que, este ano, durará o evento.
O poeta, narrador, dramaturgo e guionista Xosé Enrique Rivadulla Corcón será o encargado de ler o pregón o venres 15 ás 12.00 horas.
Durante as xornadas programaranse visitas guiadas a través da senda do litoral e saídas en embarcación tradicional, visitas á lonxa de Bueu e ao Museo Massó.
Á presentación do evento asistiu a deputada Begoña Estévez en representación da Deputación de Pontevedra, que achega 8.000 euros a esta cita gastronómica.