Denuncian que resulta imposible atopar información turística sobre Marín nun idioma que non sexa o castelán
Por Redacción
O BNG denuncia que o goberno local de Marín se nega a editar a información turística en lingua galega e que só se emprega un idioma para as publicacións, o castelán. A agrupación nacionalista sinala que a concelleira do PP, Cristina Acuña, decidiu editar todo o relacionado co turismo sobre Marín en idioma castelán, negando os dereitos lingüísticos aos galegos que se poidan dirixir á oficina de Información Turística instalada na Praza de España.
"Calquera persoa que reclame, no seu máis lexítimo dereito, o folleto turístico editado polo Concello de Marín, atopárase con que este só existe en castelán, é dicir, nin reclamando expresamente a información en galego é posible obtela", afirma a portavoz do BNG, Pilar Blanco, que asegura que se trata dunha decisión tomada a conciencia polo goberno local.
"O mínimo esixible é que haxa información dispoñible na nosa lingua", indica a concelleira nacionalista que, ademais, lamenta que o folleto editado coa subvención do Padroado Rías Baixas, dependente da Deputación, contén numerosa información errónea e carencias rechamantes: O folleto remite ao visitante a un número de teléfono móbil que supostamente pertence á oficina de Turismo, mais se un marca o citado número ninguén responde, sexa a hora que sexa. Igual de inútil é intentalo no número fixo que remite ao Concello si se chama pola tarde ou en fin de semana, xusto cando en principio hai máis visitantes".
Denuncia que existen outros erros como que a Aula de Música se sitúa en Cantodarea en lugar de no Terreo de Briz e as paradas de taxi tampouco se recollen na súa totalidade, ao igual que se manteñen nomes de rúas que xa non existen. Ademais no folleto, afirma, non se recolle ningún dato sobre restaurantes, taperías e aloxamentos do municipio.
OUTRO CASO NA ILLA DA TOXA
Tamén a Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que a Deputación provincial e o Concello do Grove patrocinan o VI Concurso nacional Canino 'Isla de la Toja' con cartelería que conta co apoio económico destas institucións. A Mesa pediu que se cambie a denominación do concurso pola forma correcta, Illa da Toxa, e substitúase esta cartelería que agride á lingua galega.