8.000 vieiras estrean o distintivo de Festa de Interese Autonómico en Cambados
Por Redacción
Cociñeiros de varios restaurantes de Cambados como son o Pandemonium, o Taberna do Trasno e o Ribadomar preparan sen descanso as porcións de vieira con diferentes estilos para que os numerosos visitantes que se achegan ata a carpa do Paseo da Calzada poidan probar o molusco gratinado con queixo, con arroz, ao forno, en guiso ou na sempre exquisita empanada.
A Festa da Vieira celebra a súa décimo terceira edición presumindo do distintivo de Festa de Interese Autonómico por primeira vez. Este evento é organizado polo Concello e pola confraría de Cambados coa colaboración de Porto de Cambados, Guimatur e Zona Centro.
O obxectivo é poñer en valor este produto fundamental para a actividade portuaria da vila. Durante estas xornadas, a ración de dúas vieiras conta cun prezo de 8 euros e, a pesar da chuvia durante a fin de semana, a presenza de público está a ser notable e a organización non descarta superar as 8.000 vieiras previstas para esta edición.
Os que aínda non se achegaron ata Cambados para participar desta cita gastronómica teñen este domingo 20 de xullo unha nova oportunidade a partir das 12.00 horas coa apertura da carpa. Ás 13.00 horas, desenvolverase unha sesión vermú a cargo da Banda de Música de Peñafiel dentro da conmemoración da festividade do Carme.