A Seguridade Social abre unha nova web con informacion personalizada
Por Redacción
A Administración da Seguridade Social xa ten en funcionamento a web Tu Seguridad Social (TUSS), un novo portal que proporciona ao cidadán información personalizada e actualizada da súa situación como activo ou pensionista e que, ademais, permite realizar, dun modo máis cómodo, os trámites máis habituais no ámbito da xestión de prestacións da Seguridade Social.
Accédese a través da dirección https://tu.seg-social.gob.es ou dende a sede electrónica da Seguridade Social e a súa implantación estase a realizar por fases. Nestes momentos, pódese consultar a situación persoal referida á asistencia sanitaria, obter o documento acreditativo de aseguramento ou solicitar a Tarxeta Sanitario Europeo. Os pensionistas poden acceder a todos os datos relacionados coa súa prestación e, os traballadores en activo, consultar os días que cotizaron para ter dereito á prestación ou consultar a previsible idade de xubilación.
Dende a Subdelegación do Goberno de Pontevedra considérase que é un paso máis para achegar a Administración ao cidadán. A característica que se destaca é a máxima seguridade no acceso ás informacións. Para poder acceder a este, o primeiro paso que hai que dar é rexistrarse nun Centro de Atención e Información do Instituto Nacional da Seguridade Social (CAISS) ou en calquera oficina da Seguridade Social. Deste modo, obtense un código de activación para que cada usuario cree o seu propio contrasinal. Unha vez que a obteña, poderá acceder, cos máximos niveis de seguridade, aos seus datos e realizar xestións.
Ademais da oficina de Pontevedra, na provincia hai Centros de Atención e Información da Seguridade Social na Cañiza, A Estrada, Baiona, Cangas, Lalín, Ponteareas, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.