Ingresan en Montecelo unha norueguesa de 52 anos que camiñaba desorientada e sen documentación por Ponte Caldelas
Por Redacción
Resulta difícil explicar como a muller de 52 anos natural de Noruega, que permanece ingresada no hospital Montecelo, puido chegar ata o lugar de Esfarrapada-Anceu (Ponte Caldelas). Alí encontróuna un veciño. Vagaba pola estrada, desorientada, portando unha mochila e un bolso. O home chamou a Garda Civil e os axentes dunha patrulla desprazáronse ata a zona para saber que lle sucedía. A muller non falaba castelán nin inglés, só noruegués. Non levaba documentación enriba e mostrábase moi nerviosa.
Segundo puido saber PontevedraViva, a muller aceptou ser trasladada á Comandancia da Garda Civil en Pontevedra. Alí, os axentes intentaron localizar algún familiar ou algún coñecido da muller sen éxito. Ante esta situación, chamaron á Embaixada de Noruega en Madrid, que consegue poñerse en contacto coa filla da muller que lles transmite que sofre problemas psíquicos polos que se encontra en tratamento médico e que, entre os meses de xaneiro e febreiro, estivera ingresada nun hospital psiquiátrico. Dende a Embaixada avisan o cónsul da Coruña para que compareza en Pontevedra.
Entrementres, a muller sofre dúas crises nas dependencias da Garda Civil mostrándose moi alterada. O propio cónsul solicita o traslado a Urxencias de Montecelo para que ingrese no hospital e evitar así que a cidadá norueguesa poida volver poñer en risco a súa propia vida.
Fontes próximas ao caso confirman que se trasladou o informe ao Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra para que avalíe o procedemento que debe seguirse neste caso atendendo ao estado no que se atopa a muller, da que se descoñece a travesía que realizou para chegar dende o norte de Europa ata unha pequena parroquia de Ponte Caldelas.