A espera media para unha operación cirúrxica sitúase en 31 días nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
O xerente dos hospitais públicos de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, mostrouse satisfeito co balance da actividade asistencial durante os primeiros seis meses de 2014 ao obter cifras en tempos de espera por debaixo da media do resto de centros de Galicia, con 31,2 días de demora para unha intervención cirúrxica e 22,8 días para unha primeira consulta.
Segundo os datos ofrecidos polo xerente respecto ao primeiro semestre de 2013 se incrementaron nun 44% as intervencións de cirurxía menor e se realizaron 1.349.102 consultas, case 60.000 máis que durante o ano anterior. Durante estes meses, no Complexo Hospitalario de Pontevedra especialidades como xinecoloxía ofreceron tempos de espera de 13,3 días, oftalmoloxía de 16,2 e dermatoloxía 18,2 días. González engadiu que os casos máis graves se atenden por debaixo dos dez días.
En canto a consultas externas, rexistráronse 229.860, catro mil máis que en 2013, cunha espera media en consultas preferentes que se sitúa en 18,6 días.
O xerente afirmou que o éxito destes bos resultados se debe a todo o equipo: "en situaciones de crisis, los profesionales entienden que lo importante es el paciente" sinalando que gasta menos pero realízase máis actividade.
En canto ás queixas polo peche de camas durante o período estival, José Manuel González xustificouno indicando que actualmente nos hospitais de Pontevedra hai 60 camas libres e relacionou este dato co feito de que moitos pacientes non queren ser operados en verán asegurando que "el cierre de camas es más virtual que real. No es razonable tener 200 camas libres". Engadiu que, ademais, en épocas estivais é imposible substituír determinados profesionais como especialistas ou cirurxiáns. En todo caso, afirmou que ter un colchón de 50 ou 60 camas libres responde a un criterio de prudencia e é unha boa noticia.
Por outra banda, destacou que, durante estes meses, se incorporaron novas técnicas cirúrxicas, como a cirurxía de Mohs, na que o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é o centro de referencia para toda Galicia.
REFORMA URBANA NA ENTRADA AO HOSPITAL PROVINCIAL
En canto á reforma urbana que o Concello proxecta realizar ante a entrada do Hospital Provincial coa creación dun pequeno parque, o xerente confesou descoñecer o proxecto porque ninguén do goberno local se puxera en contacto con el. Pero asegurou que lle parece ben sempre que deixen libres as vías de acceso ao centro.
En relación cos proxectos previstos para o segundo semestre, González Álvarez apuntou, entre outros, á creación dunha escola de coidados das costas dependente do servizo de Rehabilitación, coa ampliación das instalacións en Montecelo e a creación dunha sala de recuperación de pacientes en endoscopias dixestivas.
Relacionadas:
-
Nos hospitais de Pontevedra e O Salnés agárdase por unha operación 29,8 días, a demora máis baixa de Galicia
Por Redacción |
-
A espera nos hospitais de Pontevedra e O Salnés segue a ser a máis baixa de Galicia
Por Redacción |
-
Rematarán as obras de ampliación do Hospital do Salnés a finais de 2015?
Por Redacción |
-
O alcalde de Vilagarcía busca un acordo cos comuneiros para crear un novo aparcadoiro no hospital
Por Redacción |
-
Alumnos de Belas Artes axudan a mellorar espazos do Hospital Provincial
Por Diego Espiño |
-
Protesta de SOS Sanidade no Hospital contra o peche de camas durante o verán
Por Redacción |
-
Protesta contra o "récord histórico" do peche estival de camas hospitalarias
Por Oskar Viéitez |