Urbanismo inicia as expropiacións na zona do Revel
Por Redacción
O Pleno da Corporación analizará na sesión ordinaria do próximo luns o proxecto de delimitación do polígono de expropiación de terreos pertencentes a particulares incluídos no ámbito do plan especial de infraestruturas e dotacións da zona E69B do PXOM de Sanxenxo, no Revel. Con esta proposta, o goberno local abrirá o proceso expropiatorio da totalidade dos terreos de titularidade privada existentes nese ámbito, cualificado como sistema de equipamentos públicos que albergará o novo edificio do CEIP Cruceiro.
Serán un total de 22.644 os metros cadrados que a administración sanxenxina adquirirá polo mecanismo de expropiación forzosa, que están distribuídos en 35 parcelas, das que algunhas contan con bens como postes, viñas, pozo ou árbores, entre outros.
Tal e como explicou a concelleira delegada desa área, María Deza, unha vez o documento reciba o visto e prace da corporación, procederase á súa exposición coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial durante un período de quince días, dando así a oportunidade aos propietarios de presentar as alegacións que consideren oportunas.
"Ademais, este acordo deberá ser notificado, indicando os bens e dereitos afectados, a todos os interesados", puntualizou a edila.
Tras a resolución daquelas alegacións que puidesen producirse, levarase a cabo a aprobación definitiva do proxecto, comezando entón a fase de determinación do prezo xusto.
"Queremos dispoñer da totalidade dos terreos incluídos no ámbito de cara a súa urbanización e posta en funcionamento, levando deste xeito a efecto as determinacións establecidas no Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Revel", comentou María Deza, quen engadiu, que cando conclúa todo o procedemento, o Concello de Sanxenxo poñerá a disposición da Consellería de Educación aqueles terreos que precisa para construír o novo colexio de Vilalonga e que completarán a cesión realizada no seu momento pola administración sanxenxina.
Relacionadas:
-
Conclúe o proceso de expropiación dos terreos do futuro colexio do Revel
Por Redacción |
-
Avanza a expropiación de terreos para construír o novo colexio do Revel
Por Redacción |
-
Sanxenxo vese obrigado á expropiación ou permuta forzosa de terreos para ampliar o colexio do Cruceiro
Por Redacción |
-
Sanxenxo volverá negociar con Velón a compra dos terreos para o CEIP O Cruceiro
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Sanxenxo comprométese a construir o novo Colexio de Vilalonga
Por Redacción |
-
Os pais de O Cruceiro, en pé de guerra polo colexio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez |