O BNG denuncia a 'chapuza' feita no camiño de Portocelo
Por Redacción
A portavoz do BNG, Pilar Blanco, denuncia que as precipitacións caídas na madrugada do sábado pasado descubriron a "chapuza" realizada no camiño peonil de Portocelo. O proxecto foi aprobado polo Concello e adxudicado pola Deputación Provincial en base ao Plan de Investimentos 2012. O goberno local do PP non tramitou ningún informe sectorial nin urbanístico a pesar de tratarse de obras nun camiño singular e que actuaban sobre canais de rego.
"Estas obras, que requiriron un investimento de máis de 20.000 euros, alteraron o estado inicial do camiño, canalizando as aguas que antes circulaban a ceo aberto a través de tubaxes pechadas que resultaron ser inútiles para recoller a auga que conflúe nesta vaguada natural", afirma Pilar Blanco.
"Bastaron as primeiras precipitacións para que a auga buscase o seu camiño natural e arrasase con todo o material depositado. O xabre e a grava foi arrastrada pola auga e foi parar a moitas das fincas colindantes co camiño provocando unha verdadeira desfeita e deixando o camiño totalmente intransitable. Incluso as tubaxes quedaron á vista en moitos puntos", engade.
"En realidade nin sequera se respectou o proxecto orixinal aprobado para executar, e en lugar de instalar unha canalización a ceo aberto de medios tubos de 400mm o que se instalou foron tubaxes soterradas e da mitade de diametro do aprobado no proxecto", afirma a concelleira nacionalista.
"Preguntámonos onde estaba o director de obra nomeado pola Deputación, onde o técnico municipal que aprobou o proxecto e que foi nomeado directamente pola alcaldesa, e quen vai responder agora da desfeita e dos cartos públicos que foron literalmente polas fincas abaixo", pregúntase a portavoz do BNG.
Durante a execución das obras o goberno local recibiu varias queixas veciñais nas cales se deixaba constancia de que o proxecto non respectaba a canalización orixinal e se desviaba o cauce cara as fincas privadas, o cal produciría o asolagamento das mesmas: "O goberno local fixo caso omiso destas advertencias, de xeito que agora os cascallos de grava e xabre acumúlanse nas fincas por onde pasou a enxurrada provocada por esta chapuza autorizada polo propio Concello", afirma a concelleira nacionalista
No seu momento o BNG remitiu unha copia do proxecto ao organismo autónomo Augas de Galicia: "Fixemos o que tiña que facer o goberno local. No informe emitido polo xefe de servizo, que tamén recibiu o Concello, advertíase da necesidade de manter a circulación das augas, o cal a todas vistas non se respectou", finaliza Pilar Blanco.