Unha das xoiarías máis antigas de Galicia atópase en Cambados
Por Redacción
Unha das xoiarías máis antigas de Galicia que continúa activa encóntrase en Cambados. A Reloxaría Joyería Villar naceu en 1886 e, dende entón, catro xeracións foron desenvolvendo este negocio que fundou Gerardo Villar Sanxenís, un home que aprendeu reloxaría, xoiaría e óptica a fnales do século XIX en Santiago e que se trasladou a Cambados para establecer o negocio.
O fundador era coñecido como o "home da capa" porque, fixera frío ou calor, sempre vestía unha capa. Naqueles tempos, segundo describe o seu neto Juan Manuel, todo se facía a man e forxa, con martelo, estirando as chapas de prata e de ouro. Hoxe en día trabállase con máquinas e o neto do creador da reloxaría afirma que "nótase o cambio, unha peza feita a man ten un algo, con máis arte".
O seguinte no negocio foi Santiago Villar que tamén abordaba todo o relacionado coa reloxaría, a óptica e a xoiaría cando aínda se empregaban os impertinentes e os monóculos. Desta forma, foise xerando unha saga familiar que acontinuó Juan Manuel que afirma que "o meu tío aprendeuno do meu pai, e os meus fillos aprenderon de min". Igualmente, os fillos dos clientes iniciais seguen frecuentando este establecemento.
Unha das pezas típicas desta xoiaría é a Folla de Albariño realizada en prata que se entrega aos Cabaleiros e Personalidades durante a Festa do Albariño dende hai case 50 anos. Antigamente traballábase, sobre todo, a prata e o ouro en xoiaría mentres que, cos reloxos, empregan o latón, metal ou o aceiro.
Juan Manuel recorda como se elaboraban as medallas en prata: "Primeiro tiñamos que facer ao revés a imaxe, gravando a imaxe en concha de xiba seca, e despois enchíase de prata. Había que facela chá e xa se cortaba coa forma da imaxe. Era un método de oco gravado invertido".
E en canto a reloxos, lembra con cariño un exemplar de carillón, de peto, que lle enviou un cliente alemán que non encontrou no seu país onde arranxalo e que Juan Manuel deixou como novo.