Unha ruta a cabalo polo Monte Castrove, novidade da Gala Hípica de Campañó
Por Alejandro Espiño
O hipódromo de Campañó acollerá o próximo sábado 27 de xullo unha nova edición, a sexta, da tradicional Gala Hípica Virxe Peregrina. E farao cunha novidade significativa con respecto a anos anteriores. Haberá unha ruta a cabalo de 20 quilómetros polo Monte Castrove, na que poden participar xinetes de todas as idades. Así o anunciou Manuel Ruibal, presidente da Asociación Cabalar de Campañó na presentación do evento.
Esta ruta polo Monte Castrove sairá ás 10.30 horas dende o hipódromo da parroquia e regresará a este sobre as 14.30 horas para poder participar na comida de confraternización prevista nas instalacións. Espérase que saian a cabalo un centenar de persoas, segundo Manuel Ruibal.
A partir das 16.30 horas comezarán a celebrarse os concursos morfolóxicos nos que se medirá a beleza dos cabalos de pura raza árabes e españois, divididos en catro categorías: machos, femias, poldros e poldras. Suprímese o concurso de cabalos autóctonos galegos porque segundo os organizadores se anula porque "por desgraza cada vez hai menos e a xente xa non viña a participar no concurso".
Manuel Ruibal recoñeceu que seguir organizando unha gala hípica como esta é "costoso", pero que se consegue sacar adiante grazas á colaboración da Comunidade de Montes de Campañó e do Concello de Pontevedra, "a única administración que aposta polo hipódromo".
A entrada a esta gala é gratuíta. Os organizadores esperan alcanzar os 120 cabalos que participaron nos concursos o pasado ano.